Versión en Castellano

O PROCESO DO LIÑO EN PRADA

Introducción


Sementar, ripar, espadar, fitoira , espadela, mazo …son palabras moi fermosas que seguramente a moitos dos que lean estas liñas non lles dirán nada pero que para os seus pais ou avós traeranlles moitos recordos. Para eles significaron traballo e esforzo pero tamén compartir y diversión .Para os que naquela época éramos nenos supuxeron unha aprendizaxe lúdica.

Todas estas palabras naceron arredor do cultivo do liño, que tanta importancia tivo durante moitos anos en todo Galicia e, como non, en Prada.

Por iso no queremos que a experiencia dos nosos pais e avós quede no esquecemento, este pequeno resumo é unha homenaxe a eles.


O liño

O liño é unha planta da familia das lináceas, en Galicia hai varias especies do xénero Linum. O liño cultivado (Linum Usitatissimun), chámase liño manso ou galego. Trátase dunha planta anual que pode alcanzar dende 30 cms. ata un metro. Posúe follas lanceoladas con tres nervios, flores de un azul vivo, que poden chegar aos tres cms. de diámetro, e o seu froito é globuloso.


Esta planta é coñecida dende hai miles de anos por diversas culturas, como a exipcia, pero a pesares da súa longa historia, é a partires da Idade Media cando se posúen datos claros acerca da importancia do liño en Galicia, época na que existe unha auténtica "cultura do liño" nesta terra. A importancia do liño na economía dos campesiños galegos non foi sempre a mesma, é a finais do século XVIII e primeiros anos do XIX cando se sitúa a etapa máis próspera. Hai un longo proceso dende que comeza a tarefa de sementar ata que podemos ver un tecido confeccionado con liño.


Sementado

O tempo adecuado para sementalo liño depende do tipo de clima. En Prada sementábase a finais do mes de Abril ou a primeiros do mes de Maio, xeralmente unha terra de regadío na que creza pouca herba, labrando y limpando a terra, quitando as herbas e impurezas antes de votar a semente que se fai a boleo

En Prada sementábase As Pozas, en Redondelo e o Meiredo.

O único coidado que requiría durante o seu crecemento a planta era quitar as malas herbas que puideran ir crecendo,proceso que se denomina “mondar”


Arrancado e Ripado

A finais de xullo ou principios de Agosto, cando vota o ” bagazo” e se pon de cor amarelo é o momento de arrincalo coa raíz. Isto faise a man e tendo coidado de no perder la raíz, batendo a planta contra a perna para quitarlle a terra.

A continuación xúntase en gavelas denominadas “empozadoiros” para levalos a casa e ripalo. Esta tarefa faise na “aira” onde se malla o centeo xa que neste momento esta “bosteada”(recuberta coa “bosta” das vacas )e era máis sinxelo recollelas sementes.Nalgúns casos isto tamén se facía na terra onde estaba sementado.

O ripado facíase para separala semente da planta facendo pasar esta por entre os dentes de un instrumento chamado “ripo”.

A semente que se lle quita ponse a secar ao sol uns días para que a bagaña abra e poder extraer a” liñaza” que se garda para varios usos, sendo o principal o seu uso como semente para o ano seguinte. Pero naquela época tamén tiña un uso medicinal en forma de ungüento o aceite, moi útil para curar queimaduras.





Empozado

Para que o liño abrande hai que mergullalo nun pozo con auga estancada e deixalo entre oito e nove días, dependendo da calidade do liño. Para saber se xa esta “cocido” refrégase e se sae a “tasca”, sacase do pozo. Este empozado facíase no Regueiro do Couso o no río Xares. Cada persoa que levaba o seu liño facía un pequeno pozo separado por unhas pedras do pozo do veciño, compartindo o mesmo río y respectando o espazo de cada un. Púñanse unhas pedras para que non o levase a corrente.


Secado

Posteriormente lavase e esténdese nun campo, onde lle dea o sol permanentemente, dándolle voltas de vez en cando, para que seque ben. Una vez ben seco recollese, facendo “móllos” (tres gavelas ou empozadoiros xuntos).


Mazado

Para esta tarefa é imprescindible que o liño estea quente, para iso os” móllos”, completamente secos, esténdense de un en un, unhas horas nun campo soleado, hasta que estean ben quentes.

Transcorrido este tempo recollese e ponse no” mazadoiro” para golpealo, paro o que se usa o” mazo” unha peza de madeira rectangular grosa, una de cuxas caras presenta unha fendeduras lonxitudinais conta cunha parte más estreita a modo de mango para agarrar.

Seguidamente o liño mazado refrégase coas mans na pedra, como se fora una peza de roupa (para que lle vaian saíndo os tascos, parte leñosa, etc) y separala palla da fibra.

Nesta tarefa era onde a xente do pobo compartía espazo y tempo. Usábanse como “mazadoiros” pedras ou lastras que a xente utilizaba o resto do ano para sentarse y charlar, eran lugar de tertulia

Na Corredoira usábase unha pedra que había diante da casa da señora Carmen (hoxe en día casa do Ferreiro segue sendo lugar de reunión ). Tamén había outra pedra onde hoxe se fai a festa, en fronte da casa da Señora Lisa.

Lugar moi importante tamén era no Campo, o principio do camiño do Pacio, onde se usaban

as escaleiras que soben á Igrexa e a pedra que hai a continuación.

O“mazado” era unha tarefa conxunta, pois aínda que cada uns mazaba o seu liño procuraban coincidir todos para facer mas levadeiro o traballo charlando das cosas do día a día e incluso cantando. Si algún remataba pronto axudaba aos demais sen ningún tipo de interés.





Espadelado ou Tascar o liño

O seguinte paso para conseguir que o liño se vaia facendo máis fino é o espadelado que serve para quitar os “tascos”.Para iso utilizase a “fitoira” (espadeleiro) ,que é unha peza de madeira en forma de T invertida e que pisamos cos dous pes para evitar que se mova é a “espadela”, unha especie de espada ancha e curta ,tamén de madeira, coa que golpeamos o liño que colocamos encima da” fitoira”. Ao remate o material queda moi fino, sen cáscara y debe enrolarse en “estrigas” para que non se enrede e s almacénanse para  posteriormente restrelalas.

O espadado facíase de forma individual ou entre varios veciños próximos, utilizando os baixos das casas para tal fin e se facía bo tempo espadelábase debaixo dos corredores.





Restrelado

As estrigas almacenadas necesitan ser restreladas, o que se fai co restrelo, que é un utensilio en forma de banco nun de cuxos extremos hai uns pinchos curtos e moi xuntos. Colocando unha pedra encima para que non se mova e pasando as febras entre os seus dentes, sacamos tres febras, a primeira, a mais tosca son os “cabezos”, a segunda é a “estopa” e por último a mais fina, o liño. Esta operación tamén se chama asedar.





Fiado

Rematado o restrelado, hai que fiar o liño, para iso utilizamos a roca e o fuso.A roca é unha vara, xeralmente de abeleira. A uns 25 cm. do extremo superior colócaselle un avultamento de madeira chamado “roquil”, onde logo irá colocada a madeixa de liño, que se atará co naipe, tira de coiro que está suxeita no extremo da roca.O fuso é unha peza pequena de madeira que se asemella a unha buxaina alongada.

Para fiar colocamos a roca na cintura, una vez que enrolamos a estopa na parte mais grosa do aparato e poñémoslle o naipe, para que o material non se mova. Suxeitamos o fuso con unha das mans, tirando coa outra man do liño, que ao ter unha textura á do algodón é fácil transformala en fíos, que van enganchándose no fuso, quen os vai retorcendo e elaborando totalmente, grazas a pericia da persoa que o fai xirar. Cando o fuso está cheo quítase o fío pola parte estreita e así queda feita unha “mazaroca”.

O fiado deixábase para ocupar as largas e frías noites do inverno.A xente xuntábase nas casas, po la noite, hoxe en casa de un e mañá na casa de outro. Á reunión acudían mulleres, homes e en ocasiones nenos, sempre que no fora moi tarde. Xeralmente as que fiaban eran as mulleres. Estas reunións daban lugar a tertulia onde se contaban chistes, chascarrillos, cancións. Contábanse ou líanse historias reais ou inventadas, de homes lobo, de cantares de cego e coplas que narraban case sempre historias tristes. Pero tamén era unha boa ocasión para “ligar”, ou po lo menos tentalo.

Tan importantes eran estas reunións que tiñan nome propio “fiadeiros” o “fiadoiros” e foron moi importantes en todo Galicia como transmisores da literatura popular de forma oral.







Ensarillado

O seguinte paso é o ensarillado, que se fai co sarillo para darlle ao liño a forma de marañas (madeixa). Con varias “mazarocas” ensarilladas faise unha madeixa. Xúntase o fío das “ mazarocas” poñéndoo no sarillo, aparato de madeira composto por catro aspas xiratorias, nas que se va enredando o fío hasta formar unha madeixa.



Clareo

O penúltimo proceso, é o do clareo. Colócanse as madeixas nun recipiente con auga e cinza de madeira de carballo (que abundaba en Prada e na zona), colgado dunha barra que o atravesa, e fervendo durante dos horas. Despois hai que clarealas durante tres ou catro días expoñéndoas ao sol durante as cales, vanse mollando as madeixas con unha regadeira, para que a auga caia repartida e vaian clareando, pouco a pouco. Cando vemos que a cor castaña que ten liño durante todo o proceso volvese branca, recollémolas, pasámolas por auga nun lavadoiro e fregámolas, estendéndoas despois a lo longo dun pau colocándoas ao sol para que sequen.

Para a confección de algunhas prendas utilizábase liño de cores, o mais común era a marrón chamada “caparrosa” e aínda que se podía tinxir en casa, o mais usual era mandalo á Astorga (León) para que o tinxiran.


Tecido (facer nobelos)

O último proceso polo que pasa a febra é poñela na debandoira, aparello parecido o“sarillo” pero que está en horizontal, coa intención de desenrolar as madeixas, para facer os nobelos que se levan ao tear para transformalos en teas.




Usos e utilidades do liño.

O liño e a eran os principais elementos cos que se confeccionaba a roupa tanto para uso persoal coma para a casa.

Do liño aproveitábase todo: os cabezos usábanse de base para tecer co liño fino para confeccionar dende sabas ata panos de cociña.

Coa estopa facíanse sabas, calzóns para os homes, camisolas interiores para as mulleres.

Co liño mais fino tecíanse sabas finas, toallas, manteis, camisas para homes, ”chambras” para as mulleres.

Con mestura de diferentes liños facíanse colchas y alfombras.

Hoxe en día algunhas partes do traxe tradicional confecciónanse con liño como son as camisas dos homes ou os calzóns.


Refráns e cancións

Case todas as tarefas do campo acompañábanse de cancións e o seu arredor xurdían tamén ditos populares e refráns.

Aquí figura unha pequena mostra que esperamos se amplíe coa colaboración da xente.



REFRÁN

Marchei ao mar

fun e volvín

e o teu liño sen fiar

¿que fíceches truhana?

¿durmiche?

CANCIÓN

Xa ven o tempo de troupele, troupele

Xa ven o tempo de troupelear

Xa ven o tempo de mazalo liño

Xa ven o tempo do liño Mazar.


Este pequeno traballo é o resultado de varias tardes de “fiadoiro” das familias Barrio Fernández e Fernández Jares .Nós disfrutamos facéndoo, esperamos que vos disfrutedes lendoo e que iso vos poida traer agradables recordos.