PRESENTACIÓN da ASOCIACIÓN CULTURAL de PRADA:

 

            Somos unha asociación de recente creación. Queremos facer unha pequena presentación porque esta asociación é peculiar.

 

O lugar de Prada pertence ao Concello da Veiga (Ourense), é unha aldea da montaña do oriente ourensán. Debido ás grandes dificultades climáticas e do terreo  trátase dunha zona onde as condicións de vida foron sempre moi duras. Polo que sempre se viu abocada á emigración, tanto emigración a Sudamérica e a Europa como ao resto de España. Hoxe en día conta, vivindo no lugar, cunha ducia de veciños, a maioría son xente de idade.

 

 Mais  a xente polo amor que sente á súa terra sempre volve e cando volvemos os emigrantes, todos os veráns vemos que ano a ano a nosa aldea se está a perder: os camiños, as terras, os soutos, os carballos cada día están cheos de maleza, as igrexas de Santo André de Prada e o Santuario da Ascensión estanse caendo pouco a pouco. Polo que toda esta xente que estamos espallados polo mundo (Alemaña, Francia, Arxentina, Italia, Madrid, Barcelona, Bilbao, A Coruña, Vigo, etc.) decidimos montar unha asociación para conservar o lugar, mellorar a calidade de vida dos poucos habitantes que hai e facer unha romaría no verán para coñecernos. O noso propósito é recuperar o pouco que nos queda.

 

A xunta Directiva desta Asociación tamén estamos espallados polo mundo e grazas ás novas tecnoloxías intentamos achegar o noso grao de area para mellorar a calidade de vida dos poucos habitantes que quedan. A Asociación a día de hoxe conta con 186 socios/as, dos que a maioría están fora.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

PLAN DE ACTIVIDADES QUE SE VAN DESENVOLVER CO EQUIPAMENTO

 

Unha das cousas que queremos facer é recuperar  a nosa memoria histórica, e falar e contarlles aos nosos/as fillos/as o que nos contan os nosos pais e avós: de como vivían os nosos antergos. Vemos que a xente  que nós pode contar algo está a desaparecer día a día, por desgraza, entón queremos facer un documental no que nos conten como era a vida antes, como traballaban, como se organizaban, en resumo, como vivían.

 

Para isto gustaríanos facerlles entrevistas a estas persoas de idade, sobre distintos temas. Traballariamos sobre o seguinte:

 

Ø  Os nacementos - partos

Ø  Os bautizos, primeiras comuñóns, vodas (vodas por poderes), enterros (a morte)

Ø  As enfermidades

Ø  O  mundo do liño

Ø  O mundo das castañas

Ø  A matanza

Ø  A vendima

Ø  A seitura

Ø  A malla

Ø  Os rabaños de ovellas, vacas e cabras: organización

Ø  Os fornos de pan

Ø  A escola

Ø  A rega: organización

Ø  A guerra civil: os “escapados”

Ø  As festas: de Santo André, da Ascensión, dos bailes. As festas de arredor.

Ø  A muller nas festas

Ø  Como lavaban a roupa?

Ø  Que roupas poñían (la, liño, as galochas, etc.)

Ø  Os medios de transporte

Ø  A casa galega da montaña: a cociña, as habitacións

Ø  As comidas

Ø  A emigración (Sudamérica, Europa, España)

Ø  As estacións: que facían as longas noites de inverno?

Ø  A construción do Encoro

Ø  Profesións: ferreiro, xastre, carpinteiro, enterrador.

Ø  As feiras

Ø  Festas do ano : Samaín, Nadal, Entroido

Ø  As lendas

Ø  A igrexa: as campás

Ø  Etc.

 

 

 

 

Despois destas entrevistas queremos recompilar fotos antigas e facer unha montaxe para elaborar un DVD que se estrearía o día da romaría de verán e que repartiriamos entre os socios/as ademais de colgalo na nosa páxina web.

 

Para todo isto solicitamos:

 

Ø unha vídeo cámara, para filmar;

Ø  un programa para a montaxe Studio 11 Pinacle,

Ø  un ordenador portátil para elaborar todo este material.

 

A posteriori utilizariamos esta cámara para filmar todos os eventos do lugar. Por exemplo, este ano pasado fixemos a  nosa primeira Romaría de verán, onde invitamos a unha tapa de polbo, tivemos unha celebración eucarística no Santuario, tivemos xogos tradicionais para os nenos, un campionato de tute para os maiores e unha festa, ao final da noite fixemos unha queimada con bica e conxuro e, por suposto, cantos varios.

 

Temos moitas ideas, para este ano que vén contamos facer na próxima romaría un magosto como os de antes, xa que a maioría da xente non coñece estas celebracións. Para anos posteriores queremos revitalizar as actividades do día a día organizando distintos obradoiros: unha malla, queremos tamén esquilar unha ovella, cocer pan, recoller os aparellos de facer o liño e facer unha mostra.

 

Simplemente pretendemos que todas estas xeracións  que nos seguen saiban como eramos non fai tanto tempo, como pasamos practicamente de vivir con costumes medievais ao século XXI.